O Concello de Ribadeo abre o prazo de inscrición para as actividades infantís e xuvenís de verán o vindeiro luns, día 7 de maio. No programa inclúense colonias, acampada e escolas deportivas.
Para as colonias e a acampada xuvenil o prazo de solicitude de prazas estará aberto do 7 ao 16 deste mes, o sorteo das prazas será o día 23 e o período para presentar o xustificante de pago empezará o 28 de maio e rematará o 8 de xuño. Para as escolas deportivas o prazo de inscrición comeza tamén o vindeiro luns.
As colonias de verán terán lugar no colexio Gregorio Sanz durante 4 semanas do mes de xullo e haberá tres grupos: para alumnos de Infantil; de 1º e 2º de Primaria; e de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria.
A acampada multiaventura é para rapaces e rapazas a partir de 12 anos de idade e celebrarase do 28 ao 31 de xullo no colexio Gregorio Sanz. Inclúe ademais unha excursión ao parque acuático de Cerceda.
Tamén se desenvolverán torneos de 3x3, fútbol, baloncesto e tenis de mesa para nenos e nenas nados entre os anos 2004 e 2011. Serán de luns a venres do 2 ao 13 de xullo na Praza de España e non é precisa inscrición.
Ademais haberá escolas deportivas de surf, vela, remo, rugby praia, piragüismo e pesca.
Os interesados poden obter máis información e recoller os impresos na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ribadeo, que está na Casa da Xuventude, na rúa Antonio Otero, número 15, ou chamando ao teléfono 982.129.889.
Na programación infantil e xuvenil de verán do Concello de Ribadeo tamén se inclúen catro actuacións culturais que haberá no parque de San Francisco os días 24 e 27 de xullo, 14 de agosto e 1 de setembro.