Mañá, 3 de agosto, celébrase en Ribadeo a Noite Flúor, organizada por Acisa e enmarcada nas denominadas Noites Cálidas, que daban comezo o pasado 28 de xullo. De novo haberá música na rúa e actividades para os máis pequenos.
Son arredor de 40 os comercios participantes que abrirán as súas portas ata as dez da noite “para captar aos clientes que volven da praia ou a aqueles que saen de bares á tardiña. Haberá ofertas, descontos e promocións especiais e para ambientar estas Noites Cálidas contaremos con diferentes grupos de música, actividades infantís e coa tradicional noite flúor”, segundo explicaba hai uns días David Martínez, presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos.
Mañá, xoves, dentro das Noites Cálidas celébrase a tradicional Noite Flúor: “a partir das oito da tarde contaremos coa actuación do dúo Upper West Loop no cruce das Catro Rúas; ás nove gozaremos dunha sesión musical a cargo do DJ Cassette na zona vella de Ribadeo, na praza José Mª López. E ese día teremos tamén actividades infantís desde as oito da tarde na rúa Reinante, entre as que podemos destacar un taller que vai impartir María Novo e algunha sorpresa para eles. E ademais o 3 de agosto todos e todas os que o desexen poderán facerse coas pulseiras flúor nos locais participantes nesta campaña”, subliñou o presidente do colectivo, David Martínez, que anima “a toda a xente de Ribadeo e a toda a que nos visita durante o verán para que aproveiten as actividades que van atopar pola rúa e sobre todo os descontos e promocións que lles van facer nos 40 locais que se darán cita nestas Noites Cálidas. Queremos converter nunha festa as rúas durante estas Noites Cálidas”.
Os locais participantes nas Noites Cálidas de Acisa son: Opticalia Ribadeo, Centro Auditivo Global, La Moda Hombre, Bodegas Ribeirao, Modesto G, Xeito Decoración, La Florida, Foto Miguel, Din y Don, Pequerrechos, Mercería Vizcaya, Sanjurjo, Esprit, Lencería Julia, Terra Branca, Tu y Tu, Bora Bora, R23, calzados Menfer, Mercería Torviso, Ginzo, Casa Mengoiz, Gutié, Farfala, Ana Villamayor, Bis a Bis, Boutique Valentina, Boutique Del Río, PC Ribadeo, Mika, Saia, Hola Ola Surf, Hola Ola Street, Glass, Fauna, Sweet Monkey, Coco, Jatay, Anais, La Alianza e Menos Lobos.