O 29 de xullo terá lugar a I Milla Popular de Lourenzá. A proba foi presentada na Deputación de Lugo, o seu principal colaborador.

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, presentaron este luns nos Xardíns do Pazo de San Marcos a I Milla Popular Urbana, unha cita lúdico deportiva que financia o Goberno Provincial cunha achega de 8.000 euros, que servirán ademais para colaborar con outros eventos como a Gala do Deporte ou o Día da Bici, entre outras. 

Santos Ramos destacou que “colaboramos con este tipo de iniciativas porque dan visibilidade e poñen en valor o noso territorio, facendo fincapé na riqueza natural e paisaxística da que dispomos na nosa provincia”. O Deputado subliñou que “dende o Goberno da Deputación estamos convencidos do impacto que as actividades desta natureza teñen no turismo e na economía local. É por iso polo que, neste ano, destinamos uns 240.000 euros a financiar 78 citas deportivas coma esta, coas que ademais de xerar riqueza, se dinamiza a vida deportiva lucense”.

A Alcaldesa agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación e destacou que “Lourenzá é un concello referente no deporte, non só na Mariña senón tamén en todo o territorio Galego. Falar de Lourenzá é falardo noso deporte, poiscontamos cunha forte tradición atlética e con grandes deportistas que cada fin de semana figuran no alto dos podiums galegos”. 

A I Milla de Lourenzá terá lugar o vindeiro sábado, 29 de xullo, polas principais rúas do casco urbano, nun horario de 19:30 a 21:35 horas. Todas as probas terán inicio e chegada dende a Praza do Concello e as distancias serán diferentes e adaptadas as idades dos participantes, dende 150 m para os máis pequenos ata os 1609 m para os adultos. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de todas as categorías e medallas para todos os participantes. 

Inscricións
As inscricións estarán abertas ata o martes 25 de xullo e os interesados deberán formalizala na páxina www.championchipnorte.com. O prezo de inscrición para carreira absoluta é de 5€ para propietarios de chip amarelo championchip e de 6 para os que non teñan chip. Os cativos poderán participar de balde.