O 27 de xullo terá lugar en Burela a presentación da XXXIV Feira do Bonito e de Produart. E a continuación haberá unha degustación no restaurante Miranda.

Este venres, 27 de agosto, terá lugar no salón de plenos do Concello de Burela a presentación da Feira do Bonito e de Produart, citas que se celebrarán dos días 3 ao 5 de agosto. Ademais haberá unha degustación de bonito no restaurante Miranda, no porto burelés. A elaboración dos pratos que se degustarán que correrá a cargo da asociación de cociñeiros da Mariña.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “para a semana que ven, a partir do día 3 de agosto ata o día 5, imos ter unha actividade frenética en Burela porque hai dúas citas, unha delas é a Feira do Bonito, que chega á 34 edición. Estamos intentando que sexa recoñecida como de interese nacional, polo tanto imos procurar facer unha boa edición e vai ter bastantes novidades”.

O rexedor anunciou que “este venres imos facer a presentación da Feira do Bonito no salón de plenos do Concello de Burela, á unha da tarde, con todo o programa, os carteis e todos os atractivos. Aproveitando imos facer tamén a presentación de Produart, que é unha feira de contido ecolóxico con artesáns e todo aquilo que é moi atractivo hoxe en cuestión de alimentación e produtos que levan un contido manual, artesanal e ecolóxico”.

Llano subliñou que “como novidade este ano, despois da presentación, imos facer unha degustación de bonito no restaurante Miranda. A nosa intención era facelo na praza do Concello, pero como o tempo está bastante inseguro pasámolo ao restaurante Miranda, que está no porto, e a asociación de cociñeiros da Mariña vai ser quen se encargue de facer as receitas. Consideramos que é moi importante, algo novidoso e singular, e dámoslle protagonismo a quen debe telo que son os cociñeiros que van preparar o túnido durante todo o ano”.

O alcalde burelés declarou que “a inauguración de Produart será o venres, día 3, ás sete e media da tarde. Seguramente veña o presidente da Deputación. Invitamos a todo o pobo de Burela e a quen queira achegarse da nosa comarca. O sábado, día 4, imos inaugurar a Feira do Bonito, á unha e media da tarde no barco museo como é tradicional xa, co izado da bandeira azul. Alí recibiremos ás autoridades máis aos visitantes, e iremos escoitar a Fernando Romay e a degustar o bonito con todo o programa que é extenso e do que falaremos o venres”.

Alfredo Llano anima “á xente a que vaia organizándose para que poida acudir toda esa fin de semana a Burela para participar nestas dúas citas importantísimas que se complementan perfectamente como é o bonito por un lado e Produart por outro. Vai ser unha fin de semana de moita xente, consideramos que é unha boa oportunidade para coñecer o noso concello e os atractivos que ten, como é o barco museo, o noso porto, as nosas praias e todo o que se poida descubrir no noso concello. Eu penso que vai ser unha ocasión única para visitarnos”.