O próximo 24 de decembro a A.C.R Fervenza de Sargadelos organiza, como é habitual, a Noiteboa Infantil nas Antigas Escolas de Cervo.
As actividades comezarán ás 16 horas coa ludoteca de xogos de madeira, educativos e orixinais para toda a familia, que corren a cargo da xoguetería burelá Xogando nas Nubes. Despois, nesta ocasión, a Asociación apostou por Mamá Cabra, un dos grupos pioneiros da música infantil galega, que interpretará, por volta das 18 horas, grandes éxitos das súas publicacións, ben como panxoliñas extraídas do seu libro "Xa me tardan estes magos".
Nada máis rematar o espectáculo, haberá chocolatada para todas as persoas asistentes e, ás 19:30, Papá Noel recibirá a todas as crianzas. Por último, realizaránse os sorteos dunha cea para dúas persoas, unha cesta e un lote de viños nos locais O Caseto de Copa e O Almacén.
Ademais, o alumnado do CEIP de Cervo poñerá á venda biscoitos e rosquillas para recadar fondos para a excursión á neve a Astún (Huesca).