Este venres, 22 de decembro, ás 20:30 horas no Salón de Actos do Centro Cívico vaise celebrar a V Gala do Emprendemento Local no Concello de Xove, organizada polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.
A condución desta Gala correrá a cargo dalgunhas das actrices de teatro máis relevantes de Galicia, concretamente das Fillas Bravas do Grupo de Teatro Chévere, que con total seguridade van facer as delicias de todos os presentes.
O obxectivo da Gala é pór en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado local. Neste sentido, a Gala vaise centrar na intervención da gandeira Lucía González e Simón Huerta de Balea Verde.
Explicarán como lles xurdiu a idea empresarial; cales foron as principais motivacións; cales cren que son as súas calidades como persoas emprendedoras; cales son os puntos fortes da súa empresa; como foi o proceso de creación empresarial: avaliación da idea, busca de financiación, busca de clientela, tramitacións, axudas,...; atrancos cos que se atoparon; se volverían facelo; e que plans de futuro teñen.
Con seguridade estas experiencias emprendedoras serán exemplos a seguir, serán referentes para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial.
Esta gala celébrase tamén para pór en valor o emprendemento (especialmente o das mulleres), o desenvolvemento sostible, o talento, a lingua galega, o sinxelo, o rural, o sólido, o apoio mutuo, o respecto, a creatividade, a confianza, a responsabilidade, o comercio local, o próximo, o compromiso.
Na Gala vaise presentar tamén a Campaña XOVE EMPRENDE EN GALEGO, a cal está subvencionada pola Xunta de Galicia.
O Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local, organizador desta Gala, está a disposición para ofrecer asesoramento, porque non é suficiente ter unha boa idea, é preciso avaliala e darlle forma chegando á elaboración dun Plan de Empresa viable.
A entrada á gala é libre e gratuíta ata completar aforo, as portas abriranse ao público ás 20:15 horas.