A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega a Trabada o contacontos musical “O misterio do tulipán”, de Yolanda Álvarez, o próximo venres 17 de maio. A área de Cultura colabora asi coa Asociación Cultural O Picato na organización dunha xornada para celebrar o Día das Letras Galegas no concello mariñán.
O contacontos, baseado no libro infantil do mesmo título, acompañarase dun pintacaras, ofrecendo unha tarde de animación e achegamento á literatura a todas as nenas e nenos de Trabada. O deputado Daniel García presentou esta actividade, que se celebrará na Casa da Cultura ás 16.00 horas, xunto ao alcalde Rubén García e a Nuria Fernández García, da asociación cultural.
Daniel García valorou “a iniciativa da asociación cultural, que pensa no público máis novo nunha data tan simbólica para a literatura e a cultura como o Día das Letras Galegas” e encadrou o apoio a esta actividade “na colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén co tecido asociativo, a través de axudas de concorrencia competitiva e de programas propios, que buscan espallar a actividade cultural por todo o territorio”.
“O misterio do tulipán” é o primeiro libro de Yolanda Álvarez Castro, un historia para primeiras lectoras e lectores que fala da importancia do bo trato e o coidado cara a todas as persoas e seres vivos que habitan o planeta, propiciando a reflexión sobre a igualdade, o amor propio, o respecto e a integración. Na súa representación como contacontos, a autora narra a historia acompañada por dous músicos.