Nove artistas mariñáns participarán en Burela na sétima e última edición do Certame de Pintura Mural Amarte.
Trátase de Adri Pardo, Davixino, Héctor Manasé, Martín Lestao, Belén Mogo e Diego Domínguez, de Burela; Hipólito Xeada, de Alfoz; David Catá, de Viveiro; e Carlos Fonteseca, de Ribadeo.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, manifestou que “para rematar o muro do peirao, que mellor representación que con estes e estas artistas locais e comarcais, deixando plasmadas as súas obras e a súa arte neste museo ao aire libre que se foi creando durante estas sete edicións de Amarte”.
A edil burelesa contou que “comezarán a pintar o xoves, día 3 de agosto, e farano ata o domingo día 6; xornada no que tamén se lles outorgarán os premios. Será durante a sesión vermú da Feira do Bonito”.
Lina Gómez engadiu: “sempre hai motivos para achegarse a Burela e unha boa ocasión é vir ver a creación destas obras de arte no noso porto e disfrutar da Feira do Bonito, declarada de interese turístico nacional en 2019, e de Produart. Temos moitas actividades preparadas en Burela para esta primeira fin de semana de agosto”.