A asociación Nordés organiza a décima edición das Xornadas Memoria dun Tempo, que se celebrarán os días 20, 21 e 22 deste mes de agosto. O aforo será limitado. É necesario inscribirse.
O programa dará comezo este xoves, 20 de agosto, ás 19:30 horas coa conferencia titulada Democracia e violencia na II República, que correrá a cargo de Emilio Grandío, profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago; e Eliseo Fernández, historiador e grande coñecedor do anarquismo en Galicia.
O venres 21 ás 20:00 horas intervirá Francisco J. Leira Castiñeira, doutor en Historia pola Universidade de Santiago e premio Miguel Artola, pola tese La socialización de los soldados del ejército sublevado (1936-1945), quen falará da incorporación obrigada ao exército golpista de milleiros de homes. Francisco Leira asinará exemplares do libro Soldados de Franco, reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar, que se poderá mercar baixo reserva.
As charlas serán no centro sociocomunitario do Concello de Mañón, no Barqueiro.
O sábado 22 ás 12:00 horas na ponte vella de O Barqueiro terá lugar a tradicional homenaxe a republicanos e libertarios. No acto poderá participar todo o mundo dando a súa testemuña, lendo poemas, cantando cancións ou simplemente asistindo.
As conferencias previstas, que serán transmitidas polo facebook de Nordesfaladora, terán un aforo limitado a 28 persoas, polo que será preciso reservar a través do enderezo electrónico asociacion.nordes@gmail.com ou do número de teléfono 628 566 900.
O formato das xornadas pode variar segundo a evolución da pandemia, estando suxeitas ás disposicións das autoridades en materia de reunións e actos e tendo en conta en todo momento as recomendacións sanitarias para evitar contaxios de Covid-19.