
O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias situado en Vilaframil (Ribadeo) acollerá unha xornada sobre a produción e comercialización de fabas de calidade este venres, día 4 de abril.
Esta actividade está organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que anuncia: “o 4 de abril terá lugar unha xornada dedicada á produción e comercialización das fabas de calidade, de 09:30 a 14:30 horas. É a terceira destas xornadas dedicadas a dar a coñecer sectores que poden supor unha oportunidade de negocio no medio rural. É posible asistir de xeito online ou ben presencialmente nas instalacións do CFEA Pedro Murias, que está en Vilaframil (Ribadeo), pero en ambos os casos cómpre inscribirse previamente. Contaremos con relatorios de entidades produtoras e comercializadores de faba, así coma de centros de investigación e organismos da Xunta de Galicia.
As xornadas, de libre acceso previa inscrición, son de especial interese para persoas socias de cooperativas agroalimentarias, así como para aquelas vinculadas coa economía social. Para máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 981.58.47.83.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2025 da Rede Eusumo, que “é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social”.