A Mariña contará en breve coa primeira app turística e de ocio dirixida a veciños da zona e a visitantes denominada Turisgalicia A Mariña. Esta guía, que xa se pode visualizar a través dos seus perfís en facebook e instagram, está promovida pola empresa ribadense Donapubli e conta coa colaboración de case todos os concellos e asociacións de empresarios da zona.
Turisgalicia A Mariña ofrecerá información dos atractivos turísticos, aloxamentos, restaurantes, tendas e servizos de todo tipo dos concellos do norte lucense. E ademais sobre o Camiño Norte de Santiago e os lugares aos que se pode acudir con mascotas. Todo está organizado por categorías, pero tamén se pode filtrar a información por orde alfabética ou pola distancia á que se atopen os diferentes sitios.
Algunhas das seccións de Turisgalicia A Mariña son: lugares de interese; gastronomía; aloxamentos; praias e portos deportivos; festas, festivais e locais de ocio nocturno; Camiño de Santiago; pet friendly; turismo activo e deportes; e compras. Ademais inclúe oficinas de turismo virtuais, nas que se poderá acceder a folletos promocionais de cada localidade en formato dixital, entre outros contidos, o que permitirá substituír as publicacións en papel nas oficinas de turismo físicas.
Turisgalicia A Mariña, que será presentada nos próximos días, é unha iniciativa na que están traballando desde hai máis dun ano varias empresas locais.
A empresa promotora destaca que “o proxecto de Turisgalicia A Mariña APP é unha resposta á evolución tecnolóxica, cun acceso sinxelo, gratuíto, inmediato e dende calquera lugar do mundo. Conta cun apartado específico dedicado ao Camiño Norte e divulga o patrimonio cultural, natural e humano da Mariña de Lugo. Inclúe información multimedia dos principais enclaves naturais, etnográficos, culturais e artísticos.
A orixinalidade é unha das súas características, cun deseño innovador, atractivo, para todo tipo de público e sobre todo por ser a primeira app específica turística da Mariña, cubrindo un oco que hai na actualidade, cun número de visitantes que non deixa de medrar e máis tendo en conta a inminencia do Xacobeo 2021. A app dispón dun xeolocalizador que informa ao turista dos recursos que ten máis preto del”.