Varias representacións teatrais, concertos e actividades en torno ao Samaín terán lugar ata finais de ano dentro da programación cultural do Concello de Ribadeo para este outono.
O edil de Cultura, Farruco Graña, anunciou que “o que nos convoca para o fin de semana que ven é a décimo sexta Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. Xa haberá cumprida información máis polo miúdo sobre este acto, pero queremos destacar que ten un formato novo este ano. Está dedicado ao teatro infantil e vaise prolongar durante tres domingos no mes de outubro, os días 14, 21 e 28. Tamén nos visitarán os títeres Cachirulo coa súa obra A cabeza do dragón, vai ser para celebrar o Día da Biblioteca. Este acto, que será o 20 de outubro, obviamente vaise celebrar na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho”.
O concelleiro nacionalista seguiu a relatar que “tamén nos visitará Elefante Elegante co seu espectáculo Patapatum o 18 de novembro. Ademais o Teatro do Atlántico, o 25 de novembro, vai representar Helena, xuízo a unha lurpia. Como sempre haberá moito teatro no outono en Ribadeo”.
No apartado musical contou que “nos vai visitar a Coral Ruada de Ourense no concerto organizado pola Coral Polifónica de Ribadeo para celebrar o día de Santa Cilla o 17 de novembro. Tamén haberá o concerto de Santa Cilla que realiza todos os anos, de forma xa tradicional, a Banda de Música Municipal de Ribadeo. Este concerto será o 24 de novembro, organizado pola asociación Amadores da Música. O día despois, domingo 25 de novembro, será a misa e concerto coral homenaxe a Carlos Álvarez Fernández-Cid. Tamén teremos o tradicional festival de Nadal que organiza a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo o 22 de decembro. Ademais nas datas de Nadal terá lugar o clásico Aquí como en Viena da Banda de Música Municipal de Ribadeo, que será o 29 de decembro”.
Farruco Graña salientou que “este ano temos unha novidade que vai ter lugar na fin de semana da ponte da Constitución, coincidindo co Mercado de Nadal, o 8 de decembro vai haber un concerto a cargo do grupo Cosmo Soul. Será música soul para ambientar a fin de semana da ponte da Constitución para todas aquelas persoas que andando por aquí queiramos escoitar música e para as persoas que nos visiten que saiban que teñen aí unha referencia. Xa a altura do 4 de xaneiro, comezando o novo ano, pero aínda dentro da programación de Nadal, o grupo Píscore vai ofertar un concerto singular para toda a familia”.
O concelleiro de Cultura engadiu que “imos celebrar ademais, como todos os anos, o Samaín. A Concellaría de Mocidade está organizando para o 2 de novembro, no pavillón, unha actividade singular en torno ao Samaín. Tamén, organizado pola Fundación Edes o 30 de novembro vai haber un espectáculo, dirixido por Ugía Pedreira e Marina Oural Villapol, que terá por título Inclusións. Unha vez máis en Ribadeo podemos gozar de actuacións e actividades que fomentan a inclusión de todos os sectores da poboación facilitando así a integración de aquelas persoas que, por unha razón u outra, teñen algún tipo de diversidade funcional que os fai distintos a nós, todos somos distintos pero que teñen que ter os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades que todos”.
Graña adiantou que “o 26 de decembro no marco das actividades especiais de Nadal teremos Le Cirque, que é maxia para toda a familia a cargo de Cayetano Lledó. Ademais hai actividades tradicionais como pode ser a cabalgata de reis e algún acto máis que se poida celebrar e que poida aparecer sobre a marcha, pero xa convoco a todos e todas para escoitar música, ver teatro e acudir a determinados actos especiais que van ter lugar ao longo deste trimestre de outono de 2018 aquí en Ribadeo”.