A mostra de autómatas Kinetiko visitará trinta concellos nos meses de agosto e setembro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A exposición inclúe oito pezas únicas, deseñadas e construídas polo titiriteiro Ero Vázquez, de Trécola, e do xogueteiro Manu Taboada, da Chintofanería, que se uniron no proxecto Xira Paus. A partir do movemento dunha manivela ou dun pedal, nas distintas estruturas cobran vida personaxes que reproducen sons e melodías – un pandeireteiro, unha guitarrista – e que recrean pequenas historias -un avó coidando unha horta, unha nena que retira lixo do mar, un equilibrista-.
A mostra está pensada para que o público poida manexar os mecanismos das distintas pezas e ver como funcionan. Así, os seus creadores estarán nas distintas localidades para facer demostracións e guiar ás persoas asistentes na visita.
O deseño e construción de autómatas -enxeños que se moven imitando seres vivos-, moi ligado ao mundo do teatro e do xoguete, é, segundo explica Ero Vázquez, unha actividade que ten precedentes na Grecia Antiga e que se mantivo ao longo do séculos en diferentes culturas.
En Galiza, conta, destaca a figura do clérigo Domingo Martínez de Presa, quen documentou nun libro as súas propias creacións. Precisamente, o titiriterio de Trécola, residente en Pol, embarcarase a partir de setembro na reprodución dunha delas, por encargo do Museo Galego da Marioneta de Lalín.
vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, mostrouse convencida de que “a exposición esperterá o interese de todos os públicos” e destacou que “pon en valor un traballo artesán e creativo, que apela a capacidade de sorpresa e ao neno ou nena que levamos dentro”.
Datas nos distintos concellos
Rábade: 2 de agosto
Quiroga . 4 de agosto
O Vicedo: 5 de agosto
Cervantes: 9 de agosto
Monforte: 10 de agosto
A Fonsagrada: 11 de agosto
Castroverde: 12 de gosto
Meira: 13 de agosto
As Nogais: 14 de agosto
Guitiriz: 15 de agosto
Ribas de Sil: 16 de agosto
Triacastela: 17 de agosto
Becerreá: 19 de agosto
O Valadouro: 21 de agosto
A Pobra do Brollón: 25 de agosto
Sarria: 27 de agosto
Begonte: 11 de setembro
Mondoñedo: 12 de setembro
Pantón: 14 de setembro
Bóveda: 15 de setembro
Alfoz: 16 de setembro
Ribadeo: 17 de setembro
Palas de Rei: 19 de setembro
Pol: 21 de setembro
Burela: 22 de setembro
Xermade: 23 de setembro
Lourenzá: 24 de setembro
Chantada: 28 de setembro
Monterroso: 29 de setembro
Barreiros: 30 de setembro
Outras programacións en marcha
Coa itinerancia de Kinetiko, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo amplía o catálogo de propostas culturais e lúdicas que desenvolve en colaboración con asociacións e concellos. Maite Ferreiro lembrou que “a área de Cultura promove unha programación diversa, con propostas para todos os públicos, desde as proxeccións de Cuñados, ata o circuíto de teatro profesional Aparte ou o Musiqueando con máis de 100 actuacións de grupos de música tradicional, bandas e corais, e tamén “Verán Infantil” con montaxes musicais e escénicas pensadas para nenos e nenas”.
A vicepresidenta sinalou que “ademais da repercusión directa que estas programacións teñen na dinamización do sector, estamos convencidas de que contribúen a consolidar a demanda e o interese pola creación e pola cultura”.