O Concello de Mondoñedo xunto co Centro de Información ás Mulleres da administración local organiza para este sábado 25 de novembro unha serie de actos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A alcaldesa, Elena Candia, xunto á edil de Benestar, Ángeles Rodríguez, explicaron as accións que se desenvolveran baixo o lema de ‘Mondoñedo di non á violencia de xénero’, entre as 11:00 e as 13:00 horas, na Praza do Concello.
Segundo precisan, dende o Concello empapelarase a localidade co cartel de ‘Mondoñedo di non a violencia de xénero’ e máis co nome de cada unha das vítimas desta lacra no que vai de ano.
Ademais de habilitar un punto de información na Praza do Concello a partir das once da mañá e do reparto de lazos morados entre os veciños; ás 12.00 horas, Mercedes Rodríguez Moreda, Directora Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, lerá o manifesto ‘Mondoñedo di non á violencia de xénero’ tras o que seguirá unha concentración silenciosa e unha solta de globos en memoria de cada unha das vítimaspara a que están convocados o alumnado e o profesorado dos centros educativos.
Actividade formativa
Dentro da programación con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o martes, ás 10:00 horas, tamén se impartirá unha actividade formativa sobre a trata de persoas, en especial mulleres e nenas, por parte da asociación AliadUltreia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade. Esta acción diríxese a persoal técnico dos Concellos de Mondoñedo, Lourenzá, Abadín, Riotorto e a Pastoriza. Terá lugar na sala de reunións de Servizos Socias- CIM do Concello de Mondoñedo.
A continuación, ás 12:30 horas, a asociación AliadUltreia tamén ofrecerá unha charla sobre a mesma temática ao alumnado de BAC e FP do IES San Rosendo de Mondoñedo, no salón de actos do centro educativo.
Mesa Local de Coordinación Interinstitucional
Ademais, este venres, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo será a presentación oficial da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero, un instrumento operativo onde están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, co obxecto de procurar unha maior eficiencia da resposta ante a grave vulneración de dereitos que supón a violencia de xénero.