
O vindeiro 9 de novembro, a cidade de Mondoñedo converterase no epicentro da cultura e a música galega coa celebración do Festival Breason, organizado pola Asociación Xuvenil Xoldra.
Este evento, que busca ser "unha xornada inesquecible" para veciñanza e visitantes, ofrecerá unha mestura única de música en directo, obradoiros artesanais e actividades tradicionais, nun "ambiente festivo e acolledor" para todos os públicos.
Entre as actuacións máis agardadas, destaca a presenza dalgúns dos grupos máis relevantes da escena musical galega, como Ortiga, Cool Nenas, Terbutalina, De Ninghures, Brassica Rapa, e a sempre animada Duendeneta, que se encargarán de poñer banda sonora a esta xornada. Tamén contarán coa que definen como "a máis especial das actuacións": o 9 de novembro veremos o comezo nos escenarios da formación local Meniñas da Mariña, un grupo infantil de tradi. Esta edición será inaugurada pola actuación da banda municipal de música Pascual Veiga, o venres 8 de novembro ás 21:00 horas, unha clara aposta pola música local que terá lugar, ao igual que os anteriores concertos, na praza da catedral.
Ademais da música, o festival ofrecerá unha ampla gama de actividades que porán en valor os diferentes espazos e a historia mindoniense. Entre elas, as persoas asistentes poderán gozar dun magosto popular, con castañas asadas, viño e chocolate de balde.
Tamén haberá obradoiros de títeres, cantería e olería, brindando a oportunidade de aprender e participar en oficios tradicionais, presentes na historia do pobo. Estas actividades terán lugar no Barrio dos Muíños.
Para as amantes da gastronomía, organizarase unha cata de vermú Arnao que permitirá descubrir algúns dos mellores produtos locais, cunha maridaxe en colaboración coa Taberna Galiana.
Este festival preséntase como "unha iniciativa que busca non só ofrecer entretemento, senón tamén fortalecer a identidade cultural propia e dinamizar a contorna de Mondoñedo", atraendo a persoas de todas as idades nunha celebración inclusiva e aberta.
Xoldra convida a todos os públicos a sumarse a esta festa única, onde a tradición e a modernidade irán da man, nun "escenario incomparable" como a praza da Catedral de Mondoñedo, patrimonio da humanidade.