Medio Rural da Deputación de Lugo pon en marcha "Da escola á granxa" para achegar a nenas e nenos a proxectos de emprendemento no rural.

A deputada  Mónica Freire presentou esta mañá o programa “Da escola á granxa”, unha nova iniciativa da área de Medio Rural da Deputación de Lugo que ofrece ao alumnado a posibilidade de participaren en visita a gandeirías, producións agrícolas e pequenas empresas de transformación de produtos agrogandeiros.
 
O Boletín Oficial da Provincia publicou este venres a convocatoria, dirixida ás Anpas, que poderán solicitar visitas a algunha das 25 granxas e entidades participantes, optando a unha ampla oferta educativa que inclúe desde visitas para coñecer de primeira man o manexo de animais e cultivos, obradoiros de elaboración de produtos  e outras actividades divulgativas ligados ao coñecemento da contorna e á educación ambiental.
 
Na presentación Mónica Freire explicou que o programa incide na promoción e valorización do sector primario como un dos piares da actividade económica, do dinamismo social e do equilibrio territorial da provincia, na mesma dirección doutras iniciativas desenvolvidas desde a área de Medio Rural como a plataforma de venda en liña Son de Lugo ou a colaboración coas asociacións agrogandeiras.
 
A deputada nacionalista destacou que “Da escola á granxa contribuirá a reforzar lazos entre proxectos de emprendemento no sector primario que, desde actividades diversas que van desde a gandeiría, a agricultura, a produción alimentaria ou a conservación ambiental, comparten a aposta polo rural, por producións de calidade e por modelos e formas de manexo sostibles e adaptadas ao territorio”, ao tempo que “configuramos unha oferta de recursos e servizos educativos que pode diversificar e completar as rendas das explotacións, como acontece noutros países europeos e se recolle tamén na Política Agraria Común”
 
Nesa liña Mónica Freire sinalou tamén a necesidade deste tipo de iniciativa “para que os nenos e nenas coñezan e valoren os produtos de proximidade e a importancia do sector primario tanto no abastecemento alimentario coma no mantemento da paixase, do territorio ou da cultura” e “afastar definitivamente ese estigma social arredor do rural, visibilizando referentes para que á hora de enfocar ás súas vidas vexan o rual como un espazo no que desenvolver os seus coñecementos e o seu talento”.
 
No acto tamén interviron representantes das granxes e entidades que participan no programa: Diego Fernández da gandeiría Casa da Escola de Gundivós, en Sober, dedicada ao gando porcino e ovino, Suso Mazaira da queixería chantadina Airas Moniz, que ven de facerse con tres premios no Salón Gourmet de Madrid, e Iván Rodríguez, director técnico na Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), da que forman parte catro das granxas incluídas no programa, que coincidiron en valorar a inicitiva como unha oportunidade para dar a coñecer ás xeracións máis novas o que se está a facer no rural.
 
Entidades participantes
 
“Da Escola á Granxa” ofrece ao alumnado a posibilidade de coñecer de primeira man a produtores e entidades de referencia no seu ámbito, e con experiencia na organización de actividades con escolares, procurando unha distribución por todo o territorio a fin de que a distancia no fora impedimento para que os centros educativos se acollan ao programa.
 
Na elección dos participantes buscouse configurar una oferta formativa variada, incluíndo granxas e producións de distintos ámbitos do sector agrícola e gandeiro, desde a produción de froitas ou produtos de horta, ata castañas, mel, ovos, leite e carnes de vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar.
 
A oferta inclúe tamén obradoiros de agricultura ecolóxica a cargo de ADEGA nos propios centros, para as Anpas que prefiran evitar os desprazamentos.
 
Así, entre os participantes figuran:
 
Asociación SER e A Carqueixa S. Coop. Galega Navia de Suarna Gando vacún    
A Casa da Fonte (Xosé García Freire) Pantón  Leite e produtos lácteos ecolóxicos    
Asociación Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) No centro escolar Obradoiros de agricultura ecolóxica    
Airas Moniz SL Chantada Leite e produtos lácteos ecolóxicos    
Arqueixal Palas de Rei Leite e produtos lácteos ecolóxicos    
AvicavaNatur SC (Cabuxa Natur SC) Guntín Gando cabrún en extensivo    
Casa Bértolo SC Friol Leite e produtos lácteos ecolóxicos    
Caurelor Quiroga Castañas, marmeladas, zumes e mel    
Champivil, SL Vilalba Envasado de produtos autóctonos e naturais (setas, grelos, ortigas, etc.)    
Avimós (Chousa do Lea) Castro de Rei Avicultura artesá, pito de Mos    
Alberto Uría Moreno (El país del Abeyeiro) Negueira de Muñiz Apicultura tradicional    
Embutidos Suarna SL Navia de Suarna Elaboración de embutidos artesáns    
OVICA (Gandería Rivera Otero) Cospeito Gando Ovino    
Granxa As Regas (Embutidos Hermelino) O Valadouro Porco Celta, ciclo completo    
OVICA (Granxa Casa da Escola SC) Sober Gando Ovino e porcino    
Ángel Buján Zas - Granxa silvopastoril do monte veciñal en man común de Carballo Friol Gando porcino, cabrún e cabalar    
OVICA (Granxa Teixeiro e Pistón SC) Becerreá Gando cabrún e cabalar en extensivo    
Cooperativa Milhulloa Palas de Rei Herbas medicinais en ecolóxico    
Muvicla (AAMUVICLA) Láncara Gando vacún, mazás, maquinaria    
Francisco Javier Fernández Arias (Pazo da Caldaloba SL) Cospeito Gando vacún de raza Rubia Gallega    
Pazo de Vilane Antas de Ulla Granxa avícola e produción de ovos    
Fernando López García (Porco Celta da Couboeira) Mondoñedo Porco Celta e vacas cachenas en extensivo    
As Vacas da Ulloa SCG (Sen Máis - As Vacas da Ulloa) Palas de Rei Leite e produtos lácteos ecolóxicos    
Terras da Mariña S. Coop. Galega Lourenzá Produción de faba de Lourenzá    
Andrea González Río (Tropic Gaia) Xove Cultivo ecolóxico de froitos tropicais  
 
Solicitudes
 
A convocatoria está dirixida a Anpas de centros escolares públicos de educación infantil de primaria de municipios de ata 20.000 habitantes. O importe das axudas oscilará entre os 300 e os 600 euros, en función do orzamento e das solicitudes que se tramiten xa que se trata dunha convocatoria en réxime de concorrencia.
 
As Anpas dispoñen de 20 días hábiles, a contar desde este sábado, 30 de abril, para tramitar as solicitudes, dacordo co que se indica nas bases publicadas no Bop e dispoñibles tamén na web da Deputación de Lugo, no apartado de Medio Rural. 
 
A concesión farase por orde de solicitude, ata esgotar o orzamento dispoñible, de 40.000 euros, entre as que cumpran cos requisitos establecidos.