A Mancomunidade suspende as saídas de A Mariña en Ruta previstas para esta fin de semana.
“Debido á chegada dunha forte borrasca a partires de mañá decidimos suspender as actividades que iamos desenvolver o sábado e o domingo por Lourenzá, Mondoñedo e Trabada. Por seguridade e responsabilidade non podemos arriscarnos á hora de visitar o patrimonio natural e cultural destes concellos nin nas propias vilas nin a través dunha fraga”, explican desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña.
E engaden: “agardamos poder manter todas as rutas previstas para as vindeiras fins de semana de novembro, á vez que tentaremos buscar novas datas para as saídas que nos vemos na obriga de suspender neste momento”.
Desde a Mancomunidade sinalan que “para mañá está prevista a chegada a Galicia de Domingos, un temporal forte, que deixará chuvia e vento en toda a comunidade. Vendo os avisos que se están a producir é por iso que preferimos cancelar A Mariña en Ruta os días 4 e 5 de novembro”.