A Maleta viaxeira pola Igualdade e contra a Violencia Machista está en Barreiros ata despois do verán

Barreiros recibe a maleta viaxeira (MAVI) pola igualdade e contra a violencia machista. A iniciativa promovida pola Subdelegación do Goberno achega libros sobre feminismo, violencia machista, empoderamento e autoestima das mulleres.

A alcaldesa, Ana Ermida, acompañada polas concelleiras do goberno, Carmen Veiga e Montse Porteiro, recibiu de mans da subdelegada do goberno, Isabel Rodríguez, a Maleta Viaxeira, que estará en Barreiros ata despois do verán.

A alcaldesa agradeceu á subdelegada que escolleran Barreiros para achegar esta iniciativa que “permite acceder a lecturas que facilitan coñecer e acadar un pensamento crítico sobre esteoreotipos e roles de xénero que perpetúan o patriarcado e o machismo estrutural que se manifesta do peor xeito posible na violencia machista.”

A maleta que contén doce títulos tanto para persoas adultas como para crianzas estará nun primeiro momento na biblioteca municipal, onde calquera persoa pode acceder a ela e tomar en préstamo os volumes dispoñibles. As persoas que leven os libros terán tamén á súa disposición un cuestionario sobre o que significou a lectura para elas e así usalo como ferramenta para abordar as distintas temáticas.

A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, anunciou que a maleta tamén formará parte de actividades relacionadas coa igualdade que se leven a cabo desde o Concello. Na mesma liña a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, manifestou o traballo por integrar a educación en igualdade en todos os aspectos da súa concellería; desde a nenez ata as persoas maiores; destacando o traballo continuado neste ámbito que se leva a cabo desde o goberno municipal.