O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este mércores no Pazo de San Marcos a XXXIV edición da Copa Deputación de Fútbol Memorial Pedro Tapia, que organiza o Executivo Provincial coa colaboración da Federación Galega de Fútbol. Fíxoo xunto ao Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, ao Vicepresidente da Federación Galega de Fútbol en Lugo, Carlos Méndez Moreira, ao Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez, e ao exfutbolista lucense ao que se dedicao torneo, Pedro Tapia. O organismo provincial inviste nesta iniciativa 100.000 euros. Son uns 15.000 euros máis que nas anteriores edicións pois, en resposta as peticións dos clubes, a institución tamén asume os custos de arbitraxes e desprazamentos. Durante a presentación do torneo, realizouse o sorteo de emparellamentos que terán lugar durante os meses de maio e xuño por toda a provincia.
Campos Conde subliñou que “dende o Goberno da Deputación somos conscientes da importancia de que as institucións públicas apoien e fomenten o deporte base lucense para que este continúe medrando, e entre todos, no futuro, academos grandes éxitos para a nosa provincia. Estamos moi satisfeitos de poder presentar iniciativas coma esta que traballan en favor dos máis novos, inculcando valores tan importantes como a solidariedade, o esforzo e o compañeirismo.”
Por primeira vez nos 34 anos de historia da Copa Deputación de Fútbol, o Executivo Provinciale a Federación Galega de Fútbol, dedican a edición do torneo ao exfutbolista Pedro Tapia, recoñecendo o inmenso traballo e labor realizado polo lucense para que esta disciplina deportiva progresase.
Como novidade, este ano a competición deportiva reúne a equipos de todas as categorías a nivel provincial co obxectivo de promocionar e impulsar o fútbol base lucense.Para facer máis dinámica a Copa Deputación de Fútbol, o sistema de competición será a partido único ata a final. Ademais, a final das categorías Preferente Autonómica e Primeira Autonómica masculina celebraranse o 25 de xuño no Estadio Anxo Carro do Club Deportivo Lugo.
Categorías e grupos de competición
- Preferente Autonómica e Primeira Autonómica masculina (23 equipos)
- Segunda e Terceira Autonómica Masculina (55 equipos)
- Segunda división feminina, Primeira división feminina e Segunda división feminina grupo 1º (3 equipos)
- Pre-benxamín F-8 (27 equipos)
- Benxamín F-8 (40 equipos)
- Alevín F-8 (39 equipos)
- Infantil (26 equipos)
- Cadete (19 equipos)
- Xuvenil (25 equipos)
- Fútbol Veterano (31 equipos)
Premios
A cada un dos finalistas das categorías de fútbol base corresponderalle trofeos e medallas que serán aportados pola Deputación.
- Preferente Autonómica e Primeira Autonómica masculina: 1º clasificado 5.000 euros e 2º clasificado 3.000 euros.
- Segunda e Terceira Autonómica Masculina: 1º clasificado 4.000 euros e 2º clasificado 2.000 euros.
- Segunda división feminina, Primeira división feminina e Segunda división feminina grupo primeiro: 1º clasificado 4.000 euros, 2º clasificado 2.000 euros e 3º clasificado 500 euros.