A Sociedade Cultural Ledicia convoca o concurso de carteis co gallo da celebración da XXXVIII Feira do Bonito, que se celebrará os días 3 e 4 de agosto de 2024 na zona portuaria de Burela.
Convócase o certame en dúas categorías: A, para concursantes ate 14 anos; e B, para maiores de 14 anos. Poden participar tódalas persoas que o desexen, con un ou varios traballos que se entregarán sen asinar e acompañados dun sobre pechado cos seus datos no interior, indicando no exterior a categoría na que concursan. O tema debe ter necesariamente relación co bonito e/ou co enxalzamento da feira. O encabezamento do traballo será XXXVIII FEIRA DO BONITO e deben aparecer tamén o lugar e data de celebración: Burela 3 e 4 de agosto de 2024. A técnica a empregar é libre, pero os traballos que se presenten en soporte informático deben acompañarse dun exemplar impreso.
Os orixinais poden entregarse ata o día 19 de Xuño de 2024 no local social da Sociedade Cultural Ledicia, que está na Rúa do Ril, 4, de Burela, de xeito persoal (os mércores entre as 20:30 e as 22:30 horas) ou por correo.
Premiarase un traballo por categoría: o ganador da categoría A para o programa de man e o da Categoría B para o cartel anunciador da feira. Os premios consistiran en obsequios representativos do evento e serán entregados o propio dia da celebración.
A Sociedade Cultural Ledicia anuncia que “comeza a actividade da Feira do Bonito convocando o concurso de carteis, motivo polo cal se fan públicas as bases, agardando que todas as persoas que teñan algún tipo de inquietude artística podan atopar aquí un xeito de expresarse.
Se a ruta non ten tropezos a feira chegará a porto na primeira fin de semana de agosto. Será a edición número trinta e oito dun evento xa clásico no verán da Mariña, que se fai forte grazas ao traballo e á unión de moita xente e ao apoio de varias institucións, tanto públicas como privadas”.