A cuarta edición da Festa Campesiña de Lourenzá celebrarase no Campo dos Bolos o día 24 deste mes, sábado. Está organizada polo Concello coa colaboración de asociacións do municipio e haberá premios para as mellores caracterizacións.
As actividades empezarán ás 11 da mañá coa apertura dos stands de artesanía e alimentación. Ás 13:00 horas haberá sesión vermú amenizada polo trío Zafiro. Ás 14:00 horas comezará o xantar campesiño, organizado pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL), no que servirán empanadas, tortillas, ovos fritidos e torreznos, entre outros produtos. Ás 19:00 horas actuará o grupo Acordeóns da Mariña e ás 21:00 horas o fin de festa correrá a cargo do trío Zafiro.
Durante a xornada haberá actuacións da Asociación Osorio Gutiérrez e de Gaitas de Tovar. E desenvolveranse xogos tradicionais e infantís, a cargo do Recuncho das Argalladas e da ANPA do CEIP Juan Rey. Tamén se poderá ver unha exposición de apeiros de labranza e actividades agrícolas, organizada pola asociación Vespafaba & Clásicos.
E o evento rematará cunha queimada popular, que fará a Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá.
A alcaldesa, Rocío López, invita “aos veciños e veciñas e a todas as persoas que se acheguen ese día a Lourenzá a que o fagan caracterizados de campesiños e campesiñas para acadar que a festa teña a aparencia das que se celebraban en Galicia hai un século”.