A Biblioteca Municipal de Burela acolle o espectáculo 'A igualdade non ten idade', de Luis Vallecillo, como parte do programa Ler Conta Moito
Terá lugar este sábado, 30 de setembro, ás 18:00 no auditorio da Casa da Cultura de Burela. Esta actividade, gratuíta e dirixida ao público familiar, está organizada pola delegación municipal de Cultura do Concello de Burela.
No espectáculo, ambientado nun futuro non moi distante, Luis ten a oportunidade de contar cómo as rapazas e rapaces do seu tempo foron capaces de cambiar o mundo axudando ás persoas maiores a comprender o que verdadeiramente era a igualdade. Nel descubriremos a “Canción” que permitiu converter todas as inxustizas en oportunidades, logrando unha sociedade na que se respeta a todas as persoas, diversas na súa esencia, pero iguais nos seus dereitos. Todo isto, a través de música, xogos e dinámicas divertidas.
Luis Vallecillo é compositor, músico, titiriteiro, escritor dramaturgo e poeta; un artista multidisciplinar, que tamén é técnico superior en Animación Sociocultural.
O programa Ler Conta Moito ten por obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas. Con el preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.