A hostalería local contará con 10.000 vasos de plástico irrompibles para o IX Ribadeo Indiano

A hostalería local contará con vasos de plástico ríxido reutilizable para o IX Ribadeo Indiano, que foron presentados hoxe pola organización do evento. Trátase de 10.000 recipientes serigrafiados.  

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “Acisa coorganiza xunto ao Concello o Ribadeo Indiano, cita na que nos implicamos de xeito especial, xa que se trata dun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e a hostalería ribadense, e que xera unha actividade económica inigualable. Todos os negocios están agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible aos milleiros de persoas que do 12 ao 14 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso cada ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha iniciativas como a que hoxe damos a coñecer”.

O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez explicou, que “por iso un ano mais imos repartir de xeito gratuíto 10.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables, lavables e de materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da asociación cos nosos socios e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes ademais de que esta fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes innecesarios. Tamén queremos amosar o noso compromiso co coidado do medio ambiente”.

Cruzado Iglesias dixo que “estes vasos, que poñemos a disposición da hostalaría local, están pensados para quedar de recordo nas nosas casas, cun deseño precioso, que recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Os vasos deberanse recoller nas oficinas de Acisa este venres, 5 de xullo, en horario de 9:30 a 14:30 horas”.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, aludiu ao traballo conxunto entre Acisa e o Concello: “levamos meses de intenso traballo no Ribadeo Indiano, tanto na ampla programación da que van gozar ribadenses e visitantes, como coas presentacións que fixemos fora de aquí en Oviedo ou en Santiago de Compostela Todo co obxectivo conxunto, por parte do Concello e de Acisa, de que este evento histórico cultural sexa o máis coñecido posible tanto aquí como nas Américas. A conta atrás para o Ribadeo Indiano 2024 A alma de dous mundos comezou. Hoxe presentamos este bonito recordo na rúa indiana por excelencia, en San Roque, para que aquelas persoas que consuman na hostalería local poidan levar de agasallo un vaso para as súas casas”. 

Na presentación dos vasos do Ribadeo Indiano participaron a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez. 

Decoración
O xerente de Acisa fai un chamamento especial aos comerciantes e hostaleiros de Ribadeo para que decoren os seus negocios, fachadas, terrazas, barras ou escaparates: “para iso lles facilitamos de forma gratuíta a cada socio e socia, bandeiras e flocos, mais de 7.000 metros destes materiais e 700 faroliños, que xunto coa decoración das rúas fan mais de 20.000 metros e 1.000 faroliños. Sen dúbida poñemos todo da nosa parte para engalanar os negocios e as rúas da vila. Queremos tamén animar a que os locais decoren cun ambiente floral as súas fachadas e terrazas”.

Cruzado Iglesias subliñou: “queremos que os negocios locais luzan bonitos e elegantes ao igual que as rúas e prazas da nosa vila. E tamén animamos unha vez máis á veciñanza a engalanar os seus portais, os seus balcóns, as súas terrazas… co fin de trasladarnos e mergullarnos na cultura indiana. Hortensias, camelias ou palmeiras chegadas de ultramar encherán de lembranzas o Ribadeo Indiano 2024”.