O grupo Galeatro presenta este sábado, 28 de novembro, a obra infantil Carabela. Será no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, ás 18:00 horas.
Conta a historia de Carabela, cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes, que lle advirten que son tóxicos, de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas e de verteduras que non alimentan. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fora da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para a axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.
Baixo a dirección de Davide González, o elenco artístico está formado por Alba Bermúdez e Tone Martínez.
A reserva de entradas pódese facer no teléfono 982 560 162 ou no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es.