As festas patronais de Ribadeo celebraranse do 6 ao 10 de setembro e retoman este ano ao Cantón, despois de celebrarse durante varios anos no aparcadoiro municipal. A comisión organizadora dos festexos comeza a traballar estes días tentando acadar o apoio económico dos establecementos comerciais e dos particulares. Ao fronte da comisión está Juan José Otero, como presidente, acompañado por Avelino Martínez como tesoureiro, e Inmaculada Fernández como secretaria. O alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, acompañáronos na súa presentación pública. A carón deles haberá máis xente, que xeito anónimo lles botará unha man.
O rexedor contou que “desde o Concello tamén estivemos traballando con moita discreción durante todos estes meses no senso de que hai un sentimento popular moi grande para que as festas puideran volver para o seu lugar orixinario, que era o entorno do parque de San Francisco, da praza do Concello e do Cantón”.
Suárez Barcia quixo “agradecer o traballo de todas as comisións ao longo de todo o tempo porque son traballos que teñen ás veces moi pouco recoñecemento, porque todo o mundo fala de que as festas son mellores ou peores, ou que se deberan facer mellor, pero logo hai realmente moi pouca xente que queira gratuitamente dar parte do seu tempo e traballar por algo comunitario como é a organización dunhas festas”.
O alcalde subliñou que “desde o Concello valoramos moi positivamente que este grupiño pequeniño de xente queira afrontar unha tarefa tan importante como a organización das festas de Ribadeo. Entendemos e aceptamos que seguramente non son moitos días, seguramente as festas non van traer aos Rolling Stones, pero seguramente van ser unhas festas sentidas e queridas para ben. Son xente toda ela desprendida e con amor polo traballo e polo ben común marabilloso, e desde o Concello de Ribadeo sabendo que non queda moito tempo quixemos arrimar o ombro de maneira importante”.
Fernando Suárez sinalou que “nosoutros non lles indicamos qué o que teñen que facer, eles son os que nos suxiren, nos preguntan e nosoutros en todo o que estea na nosa man, dentro da legalidade loxicamente, intentamos axudar e así o estamos facendo. Entón, aínda que como sempre non son organizadas directamente por nós, desde o plano económico e doutro tipo de organización, que é tamén moi importante, van ter o noso apoio como sempre teñen todos”.
Pola súa banda o presidente da comisión de festas, Juan José Otero, explicou que “imos empezar facer o libro, a pedir polas casas e empezar a recadar diñeiro o antes posible, temos que empezar a andar porque o tempo vénsenos encima”.
Juan José Otero comentou que “temos certas orquestras xa miradas. Fáltannos as barracas, que está algo xestionado tamén e todo o que levan as festas de Ribadeo. Van volver afortunadamente para o parque, que eu creo que a maioría do pobo supoño que o agradecerá, porque se fan moito máis amenas e bonitas que noutro sitio”.
O presidente da comisión de festas anunciou que “o mércores empezaremos con xogos para os nenos, o xoves, venres e sábado haberá as típicas festas, e o 7 a traca de rigor como manda o libro”. O 10 de setembro estará dedicado tamén aos máis pequenos.
Juan José Otero declarou que “necesitamos moito apoio porque somos moi poucos e imos moi xustos de tempo. Ese é o gran problema, o tempo e o diñeiro. O Concello estanos apoiando ben e estamos agradecidos. Estanos botando unha mao en todo o posible e sen ningún tipo de problema”.
Esta mesma comisión será a encargada de organizar a festa de San Roque en agosto.