Afundación, ABANCA e o Concello de Burela asinaron este venres, 7 de xuño, un convenio de colaboración para a realización da exposición «Viaxando. Coleccións de Arte Afundación e ABANCA», a súa nova aposta pola divulgación das súas coleccións de arte. Trátase dunha exposición de rúa que se poderá visitar na localidade, no Parque Rosalía de Castro, do 14 de xuño ao 9 de xullo. Á sinatura, celebrada na Casa do Concello do Carballiño, asistiron alcaldesa do Concello de Burela, María del Carmen López Moreno; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez Rodríguez; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.
Co obxectivo de amosar as coleccións de arte de ABANCA e Afundación fóra das súas sedes, Afundación deseñou unha exposición de rúa que permite encher as prazas de diferentes localidades galegas coa creación dalgún dos artistas galegos máis interesantes dos últimos douscentos anos. Obras que poden enmarcarse no impresionismo, o rexionalismo, romanticismo ou naturalismo, pero tamén novas linguaxes contemporáneas que mesturan a colaxe, o grafitti, a fotografía ou incluso o fume con trazos de factura moi persoal.
Todas as pezas seleccionadas convidan a facer unha viaxe, unhas por Galicia e outras arredor do mundo (Siena, O Cairo, A Habana, Chicago, a Antártida, a India ou Tokio) a través da obra de importantes nomes da arte como Villaamil, Sotomayor, Carlos Sobrino, Freixanes, Pamen Pereira ou Berta Cáccamo, entre outros. A cronoloxía das pezas abrangue desde finais do século XIX ata a actualidade, e cada unha delas vai acompañada dun texto divulgativo escrito pola crítica de arte Mercedes Rozas.