O complexo cultural Regalxunqueira, de Viveiro, acollerá desde este venres, 4 de marzo, a exposición de pinturas titulada Abraiados. O acto de inauguración dará comezo ás 20:30 horas.
A mostra presenta obras de Ángel Picos Pérez, Diego Pérez Dopico “J. Peak” e Serge Sozonov.
Ángel Picos é natural de Cedeira e leva máis de nove anos como pintor artístico, especializado no estilo impresionista que mestura nos seus traballos imaxes da nosa terra, tradicións e paisaxes.
Diego Pérez Dopico “J. Peak”, nado en Viveiro, non descarta ningunha temática na súa obra e atrévese co retrato e a figura, coa paisaxe ou a demanda social.
Serge Sozonov, natural de Moscú e afincado en Galicia, ten unha técnica que implica o coñecemento de todos e cada un dos elementos que se lle esixen a unha obra artística como forma, proporción, liña, perspectiva, espazo, textura, luz e, no seu caso, cor.