Estíbaliz Veiga e Juan Aramburu serán os condutores da gala do Entroido de Ribadeo o vindeiro 10 de febreiro. O 13 será o desfile e o 17 a Queima. O Concello e Acisa, organizadores do Entroido 2018, animan aos ribadenses, hostaleiros e comerciantes a disfrazarse e a saír á rúa.
O programa de actividades dará comezo este fin de semana coa Festa dos Freixós no Teatro. Así, xa dende o sábado a partir das 12.00 horas poderase degustar esta sobremesa típica do Entroido.
Desde ao organización explican que “xa metidos de cheo na troula o 10 de febreiro ben cediño contaremos cun pasarrúas a cargo da Charanga Os Charangos, que animarán as rúas desta vila. Ás 21.00 horas no Teatro continuaremos coa celebración da Gala do Entroido, que xirará entorno a temática Hollywoodiense onde a risa e a sorna están asegurados. Unha hora antes os membros da Carroza do Entroido sairán do parque de San Francisco disfrazados de actores, actrices e personaxes da meca do cine, acompañados dunha das charangas máis importantes de Galicia Charanga Mekánika. Animamos a todo o mundo a que se inspire nesta temática para as súas caracterizacións e nos acompañe, ao igual que o farán outros grupos carnavaleiros da vila. Dende a organización animamos a que trala gala, ribadenses e visitantes manteñan a troula nos bares da localidade”.
Os organizadores engaden que “a gala do Entroido será guiada polos afamados actores/actrices recén chegados de Hollywood, Estíbaliz Veiga e Juan Aramburu, encargados de dar o pregón e conducir a gala. Ademais estarán acompañados de invitados moi especiais”.
No programa de actividades do Entroido 2018 non faltará a comparsa do cocho, que o domingo, 11 de febreiro, a partir das 12:00 horas percorrerá as rúas de Ribadeo acompañada das charangas da vila Aturuxo e A Choca. Xa pola tarde a partir das 17:00 horas, tócalle aos máis pequenos, e así se desenvolverá o tradicional baile infantil de disfraces na discoteca Rosalar coa animación do Grupo Cholo e Nela con Vinte anos dando a nota.
Desde a organización sinalan que “o luns animamos aos entroideir@s a degustar o cocido polos establecementos e a pasar unha velada divertida nos locais de hostalería. O martes 13 será o día do gran desfile, que sairá ás 17:00 horas da tarde da Avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas de Ribadeo: San Roque, Virxe do Camiño, Avenida de Galicia, Pérez Martínez, Avenida de Asturias, Clemente Martínez Pasarón, Dionisio Gamallo e rematará diante do Concello”.
Novidades
Como novidade este ano, as inscricións deberán facerse previamente da seguinte maneira: No Rexistro das oficinas municipais ou a través do correo electrónico turismo@ribadeo.org, podendo atopar as bases e ficha de inscrición no taboleiro de anuncios da sede electrónica da páxina web do Concello (http://ribadeo.gal/). O prazo de inscrición rematará o 12 de febreiro ás 14:00 horas da tarde momento no que pecha o rexistro do Concello. Os dorsais serán entregados o mesmo día do desfile entre as 15.30 e as 16.30 horas á entrada do Teatro.
Para obter información sobre a maneira de inscribirse recoméndase chamar por teléfono á Oficina de Turismo de Ribadeo (982 128 689).
Tamén por primeira vez, e para o bo funcionamento do desfile, e despois de desbotar a posibilidade de acurtalo, terase moi en conta a fluidez da marcha dos distintos participantes, que deberán seguir unha serie normas:
• En ningún momento do percorrido poderá haber máis de 15 metros de distancia entre grupo e grupo.
• As charangas, comparsas, grupos e carrozas non poderán facer máis de 7 paradas de exhibición ao longo do recorrido.
• Cada parada de exhibición non poderá superar os tres minutos de duración.
• Todos os participantes deberán respectar as indicacións dos membros da organización, debidamente identificados ao longo de todo o recorrido.
Este ano os galardoados que desexen obter o premio ese mesmo día terán que achegar unha fotocopia do DNI ou no caso de pertencer a unha asociación fotocopia do CIF.
E xa o sábado 17 de febreiro terá lugar a queima do Entroido. Trátase dun dos actos máis destacados do Entroido de Ribadeo. Ás 21:00 horas sairá a comitiva fúnebre das inmediacións do Concello e trasladarase ata a Avenida Rosalía de Castro, onde terá lugar a queima do Entroido, seguida dunha sesión de fogos artificiais e da monumental traca.
Os organizadores recomendan “a todo o mundo a seguir a páxina de facebook do Entroido de Ribadeo, do Concello e de Acisa Ribadeo, para estar a o tanto das novidades e da actualidade carnavaleira”.