Burela acolle este xoves, día 15 de agosto, unha actividade de surfskate organizada polo Burela Surf Club na Praza do Concello.
Tratase dunha actividade gratuíta dirixida a maiores de 12 anos, que consiste nunha simulación dos movementos do surf tradicional no asfalto. Desenvolverase entre as 16:30 e as 19:00 horas.
O presidente de Burela Surf Club, Iván Penelo, sinala que o surfskate “axuda a ter un maior control e axilidade, para logo poñer ditos movementos en práctica na auga. Ademais serve para desprazarse polas rúas como se foses surfeándoas. Se queredes comezar a surfear o asfalto non vos perdades esta actividade, o voso primeiro tubo será na praza do Concello de Burela”.
Esta actividade encádrase no proxecto Ondas Limpas do Concello de Burela, financiado polo GALP A Mariña Ortegal, que se centra “na conservación das praias e do medio ambiente costeiro na nosa localidade”, indica a alcaldesa de Burela, Carmela López.
“Da man do Burela Surf Club, ao que apoiamos desde o primeiro momento na súa creación, teremos obradoiros educativos, charlas informativas e actividades recreativas como a desta semana", engade a rexedora.
Hai máis información nas redes sociais do club, presente en Instagram como @burelasurfclub.