A Escola de Música de Burela e a Concellería de Cultura e Educación organizan obradoiros musicais para nen@s. A presentación será o 26 de abril.

Hoxe, mércores, profesores da Escola Municipal de Música de Burela ofreceron un concerto de música nos centros de primaria da localidade. O motivo deste evento “é achegar os instrumentos aos alumnos e anunciar que se andan a organizar  Obradoiros Musicais, por parte desta escola, coa colaboración da Delegación de Cultura e Educación do Concello de Burela”, segundo explica Xan Carballal.

O director da Escola de Música de Burela indicou que “estes obradoiros están dedicados a todos os nenos/as que estean interesados en coñecer os instrumentos de vento madeira, tales coma o saxo e o clarinete, ou calquera especialidade da familia de vento metal, como por exemplo trompeta, trompa, tuba, trombón, ou algún instrumento da familia de percusión como marimba, batería, etc. Terán a oportunidade de poder utilizar o instrumental do que dispón a Escola de Música, e participar dos obradoiros ofertados de balde”.

Carballal engadiu que “para inscribirse en ditos obradoiros terase que cumprimentar a folla de inscrición facilitada aos rapaces, grazas á colaboración dos directores dos centros, e entregala o día da presentación,o  26 de abril ás 17:00 horas, onde tamén se facilitarán os horarios”.