O Concello de Alfoz continuando coas súas actividades de outono, organiza este sábado, 4 de novembro, unha sesión de contacontos e un magosto.
Ás 20:00 horas, no salón de actos do centro sociocultural, Ángeles Goás ofrecerá unha sesión de contos para adultos chamada O medo é libre. Tal e como apunta a narradora “os contos recollidos nesta sesión son historias de vida que nos falan dos medos que conviven con nós no día a día, que nos moven ou nos paralizan”.
Ás 21:30 horas, no polideportivo municipal, celebrarase un magosto en colaboración coa ACX O Castelo, con cena, animadores e hinchables para os nen@s, e actuación do dúo Merengue. O menú da cea estará composto por xamón cocido, callos, costela asada con crema de castaña, tarta de Santiago e castañas asadas. O prezo será de 20 euros para os socios da ACX O Castelo, e 23€ para o público en xeral. Tamén haberá menú infantil ao prezo de 10 euros.