A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo organiza audicións nas que participarán diferentes especialidades das que se imparten no centro. Esta actividade terá lugar entre os días 19 e 23 de marzo ás 20:00 horas na propia Escola. A entrada ás mesmas é gratuíta.
O luns, 19 de marzo, a protagonista será a frauta; o mércores, día 21, haberá a audición de acordeón e corda; e o venres, 23 de marzo, será a de percusión.
O responsable da EMMeD de Ribadeo, Hugo García Presno, sinalou que “o obxectivo destas actuacións é que o alumnado toque en público, incluso aqueles que están comezando, que vaian perdendo o medo ao escenario e que amosen o traballo feito ao longo do curso”.
As audicións veñen formando parte ao longo dos últimos anos da programación académica da EMMeD de Ribadeo. Proba diso é que durante o mes de abril haberá outra serie de audicións co resto de especialidades que se imparten no centro.