Do 9 ao 13 de novembro terán lugar as IV Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro. Este ano serán online.

O Concello de Viveiro presentou as IV Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro, que se celebrarán do 9 ao 13 de novembro e que este ano, por motivo da pandemia da Covid-19, serán totalmente online a través da plataforma Zoom.

Na presentación estiveron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García; Jesús Fernández Fernández, 1º tenente de Alcalde e concelleiro do Mar; Antón López, delegado para a zona noroeste de España da Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas), e Alejandro Prieto, Secretario da UNED de Lugo.

A inscrición será ata o 6 de novembro. Uns días antes do inicio das xornadas, remitirase ao correo electrónico dos participantes o enlace de Zoom para acceder ás sesións.

As xornadas inclúen un total de oito conferencias charlas, dúas delas de carácter internacional a cargo de Ricardo Dos Santos Guimarães, capitán de corbeta da Armada Brasileña, e Nicolás C. Ciarlo, doutor en Arqueoloxía da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires.

“Igual que en anos anteriores, as xornadas abarcan varios proxectos de ámbito nacional e incluirán ademais dúas ponencias centradas en Galicia, unha sobre a explotación do mar en Galicia durante a antigüidade e outra sobre conservación en xeral”, explica Jesús Fernández.

Dende o concello quérese agradecer o traballo e a colaboración do FEDAS, a través de Antón López, que foi e sigue sendo alma mater destas xornadas, tanto na coordinación como na organización, co apoio do Concello de Viveiro, a través da Concellaría do Mar.

O concello agradece tamén o apoio da Deputación de Lugo e da UNED, que participa nestas xornadas coa concesión de 0,5 créditos ECTS aos participantes.

“Trátase dunhas xornadas totalmente consolidadas no panorama español, polas que pasaron ponentes que expuxeron proxectos premiados pola Unesco e outros temas en clave local, como pode ser o afundimento do Bergantín Palomo e a Fragata Magdalena”, lembra a alcaldesa, María Loureiro.

Formularios de inscrición en www.viveiro.es