Na sala de exposicións do Complexo RegalXunqueira, en Viveiro, inaugurase o 8 de agosto ás 20:00 horas unha exposición de pintura de Pablo Giménez Olavarría titulada Natureza Luz.
Pablo Giménez pinta da natureza e na natureza. Co paso dos anos, o debuxo foi cedendo protagonismo á luz e á cor natural para construír a atmosfera deses lugares que, pola razón que sexa, fórono levando alí a pintalos. Nos óleos isto faise máis patente pois non hai máis que pequenas pingas de pintura moi diluída que suxiren, a través de continuas correccións de tono e luminosidade, a sensación que un pode sentir aí. Nos seus cadros non hai unha intención descritiva nin narrativa, só son o resultado dunha intensa percepción e goce da natureza.
Pablo Giménez Olavarría nesta exposición achégase á natureza a través do efecto da luz na creación de atmosferas. No derradeiro ano está investigando na creación de obras prescindindo da forma. Pinta dunha maneira que lle impide fisicamente anclarse ao debuxo rigoroso, pois só salpica o cadro con minúsculas pingas de óleo moi diluído que, dunha forma aparentemente azarosa, van recreando a través da luminosidade o ambiente no que está a gusto, que é a natureza. Non se trata dun puntillismo académico nin teórico, senón da plasmación dunha percepción e sensación sen a distracción dos detalles, algo que se adentra as veces á linguaxe da abstracción pero que segue sendo de raíz figurativa, na que se busca a esencia dos lugares, do que nos fixo desexar estar nese lugar pintando ese motivo concreto. Nesta mostra presenta de maneira conxunta, o que nos derradeiros anos intentou captar inmerso na súa natureza cercana.
A exposición permanecerá no complexo RegalXunqueira ata o 31 de agosto.