Este xoves, 8 de agosto, darán comezo os actos da Maruxaina 2019, festa declarada de Interese Turístico Galego, coa presentación do libro María na busca da liña do horizonte, de Esther López Castro. O acto, organizado pola asociación Amigos da Maruxaina, terá lugar no Museo do Mar de San Ciprián ás 20:00 horas.
O venres, 9 de agosto, ás 19:00 horas, celebrarase o gran chupinazo e despois será a concentración de maruxain@s para encher o bandullo cunha degustación, a prezos módicos, de empanadas típicas galegas e bolos preñaos. Ás 21:00 horas procederase ao nomeamento d@ Maruxaino de Honra 2019, a cargo da asociación Amigos da Maruxaina.
O sábado, 10 de agosto, ás 11:00 horas, será o gran chupinazo e despois haberá actuacións de charangas e gaiteiros. De 11:00 a 14:00 horas na praza dos Campos realizaranse talleres para todas as idades. Ás 12:00 horas os/as maruxain@s comezarán un paseo pola vila, e de 12:00 a 18:00 horas, haberá un fotomatón maruxaino. Ás 19:00 horas celebraranse xogos na praia.
O desembarco da Maruxaina terá lugar ás 23:00 horas na praia do Torno. Os mariñeiros tráena a terra despois de darlle pesca e durante o traxecto haberá un espectáculo de fogos de artificio. Ás 00:00 celebrarase o gran xuízo popular á Maruxaina e ás 00:30 será a gran queimada popular. A festa rematará coas actuacións, a partir da 1:30 horas, das orquestras Arizona e La Bamba.