Do 7 ao 9 de agosto o marisco será o protagonista da campaña #DegustaAMariña da FCAM. As mariscadoras son as homenaxeadas esta fin de semana.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, lembrou que “o que estamos a facer desde o 24 de xullo é lembrar e homenaxear ás festas gastronómicas da comarca que este verán foron canceladas. Primeiro foi a pescada do pincho, despois o bonito e agora o marisco. Tocaba celebrar a festa do percebe, en Rinlo, e o que queremos é lembrarnos desa data e sobre todo do traballo que realizan as mariscadoras e os mariscadores da nosa comarca”.
Paleo engadiu que “o que pretendemos ademais é fomentar o consumo dos produtos de tempada desta zona que todos os bares, mesóns e restaurantes teñen nas súas cartas e que son un reclamo para quen nos visita”.
O presidente da Federación de Comercio A Mariña invita “á xente da comarca e aos turistas que nos visitan a saborear e a disfrutar dos produtos do noso mar e da nosa horta. E que cada persoa que deguste marisco, por exemplo, colgue as súas fotos en Instagram empregando o hastag #DegustaAMariña e describa brevemente a súa experiencia gastronómica”. Os locais hostaleiros da comarca tamén colgan nas redes as súas elaboracións para que os seus seguidores e seguidoras nas redes sociais estean ao tanto das súas propostas.
A campaña #DegustaAMariña prolongarase ata finais de agosto. Colaboran coa FCAM: a Mancomunidade de Concellos da Mariña, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.