Do 18 de novembro ao 18 de decembro desenvolverase a campaña Rasca e Gaña de Acisa coa que se pretenden fomentar as compras no comercio local e o consumo na hostalería. En total vanse repartir máis de 1.500 premios entre a clientela dos negocios ribadenses, que son doados polos 87 establecementos participantes nesta cita.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a campaña Rasca e Gaña desenvolvese do 18 de novembro ata o 18 de decembro. Nela participan 87 establecementos tanto de comercio, como de hostalaría e de servizos. Póñense en circulación 15.000 rascas dos que mais de 1.500 conteñen premios”.
Pérez Prada sinalou que “se trata dunha campaña moi interesante para os nosos clientes, con premios moi interesantes, estamos a falar que neses mais de 1.500 rascas premiados hai mais de 30 botellas de viño, mais de 100 ceas/comidas, menús, racións ou merendas, mais de 50 cañas ou copas de viño, mais de 1.200 euros en vales de compra, mais de 100 regalos directos, como xoias, complementos ou cerámicas e mais de 1.100 vales de desconto. Os premios repartíronse de xeito equitativo, e dicir, todas as tendas entregarán polo menos 10 premios e todos los bares ou restaurantes entregarán 30 premios como mínimo. Ademais os premios na súa maior parte serán cruzados, é dicir, comprando nos comercios participantes optarás a agasallos da hostalaría e consumindo nos bares e restaurantes participantes obterás agasallos do comercio”.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Iriarte, subliñou que “presentamos esta campaña co obxectivo de potenciar as vendas neste período do ano que tradicionalmente é baixo. Os premios son moi interesantes e atractivos para os nosos clientes. Saír dun bar cun vale de 20 ou 30 euros para mercar un regalo no comercio de Ribadeo ou cun vale do 10 o 30 por cento de desconto para facer unha compra nas tendas, non se ve todos os días. Ou o revés, ir mercar a unha tenda un agasallo e saír cunha botella de viño para casa ou cunha cea”.
Iriarte Quintana agarda que “esta campaña sirva para que os nosos clientes aproveiten e se animen a saír a tomar algo e tamén animen as compras. Seguro que xa hai xente pensando nos regalos de Nadal e ter este incentivo pode axudarlles a compralos en Ribadeo. Este ano, máis que nunca, debemos apoiar o consumo local, nos negocios da nosa vila”.
O xerente de Acisa deu as grazas “especialmente aos 87 establecementos participantes pola súa xenerosidade. Se xuntamos o valor de todos os premios probablemente esteamos ante a campaña mais imporante dos últimos anos. Isto foi posible unicamente grazas a eles, á súa xenerosidade coa asociación, pero sobre todo cos seus clientes. Esta campaña nace cunha clara intención, agradecer en forma de premio a fidelidade que están a ter os ribadenses co comercio e a hostalaría locais”.
O presidente de Acisa indicou que “con este Rasca e Gaña, tamén lle estamos dando as grazas aos clientes que seguen saíndo a tomar algo, a comer ou cear ou aos que piden para levar para a casa, aos que seguen mercando en Ribadeo.... en definitiva estamos dándolle as grazas aos clientes de sempre, aos clientes que están a facer que saiamos para diante nestes meses de restricións, aos veciños e veciñas que están a ser conscientes de que sen eles non podemos tirar para diante”.
Sobre a mecánica da campaña Jesús Pérez dixo que “é sinxela. Por cada compra ou consumición poderás pedir o teu rasca, debidamente selado. Estarán dispoñibles dende este mércores ata o 18 de decembro ou ata fin de existencias en cada negocio. Se resultas agraciado cun premio terás que vir reclamalo ás oficinas de Acisa Ribadeo, na rúa San Roque 57- baixo, de luns a venres de 10:00 a 14:00 ou de 16:00 19:00 para que lles demos o correspondente certificado que o acredita como gañador e posteriormente o recollan ou o desfruten no establecemento correspondente”.