Do 12 ao 25 de maio estará aberto o prazo de inscrición para participar na viaxe ao balneario Forus, de Xixón, que organiza o Concello de Ribadeo.

A Concellaría de Igualdade organiza unha viaxe ao balneario Forus, de Xixón, o vindeiro 29 de maio. Forma parte das actividades de lecer para as mulleres que este departamento retoma despois da pandemia do covid. O Concello costea un autobús con 50 prazas e as asistentes aboarán 18 euros por acceder ao balneario. O prazo de inscrición ábrese mañá, 12 de maio, e rematará o 25. 

A edil Mariluz Álvarez Lastra dixo que “coa chegada da pandemia, os últimos anos,  esta iniciativa non se puido levar a cabo. Con todo, agora recuperamos esta actividade dirixida exclusivamente a mulleres adultas. As interesadas poderán anotarse enviando un correo ao CIM: cim@ribadeo.org ou chamando ao telefono 982 120 739. Temos 50 prazas dispoñibles”. 

A concelleira de Igualdade sinalou que “con esta viaxe ao balneario Forus, de Xixón, buscamos favorecer o tempo propio na vida das mulleres, que  desconecten, baixen  o ritmo e dediquen  tempo a esas cousas aparentemente banais que moitas veces pasamos por alto. A talasoterapia é un tratamento moi eficaz que ten fins terapéuticos e que se centra en aproveitar os elementos do entorno mariño para mellorar o estado da pel e da saúde”. 

Álvarez Lastra explicou que “a viaxe terá lugar o 29 de maio pola tarde, saíndo ás 14:30 horas desde diante da oficina de turismo e regresando ao redor das 21:00 horas. As persoas que queiran participar nesta viaxe terán que sufragar a cota por utilización do Talaso, que ascende a 18 euros e inscribirse previamente. O Concello de Ribadeo custea o autobús no que se desprazase a expedición”. 

E engade que “é necesario levar gorro, toalla e chanclas para as zonas acuáticas”.