A Casa da Cultura de San Ciprián acolleu a presentación do Campus de Baloncesto EntreNós, que terá lugar na vila entre o 1 e o 7 de xullo.
Na rolda de prensa participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, o presidente do CB Breogán, Jesús Lázare, o xogador do CB Clavijo, Erik Quintela –que participará activamente no Campus- e o presidente do CD San Ciprián, e club organizador, Eduardo Rubal.
Na actividade deportiva poderán participar todos os mozos e mozas nacidos entre o 2002 e o 2008 (ambos incluídos); e a inscrición permanecerá aberta ata o 25 de xuño.
O principal distintivo deste Campus é que tres xogadores en activo de primeiro nivel convivirán e adestrarán cos participantes día tras día; polo que os rapaces terán a oportunidade de compartir charlas e intercambiar experiencias con profesionais deste deporte.
Os xogadores participantes son Erik Quintela (xogador do CB Clavijo de Logroño, LEB Oro), Adrián Chapela (xogador do HLA Lucentum Alicante, LEB Plata) e Sergi Quintela (Xogador do CB Breogán, recentemente ascendido á liga ACB). Os tres naceron da década dos noventa, son de Lugo e creceron nesta cidade como baloncestistas.
O Campus EntreNos ofrece aos participantes ademais outro tipo de actividades complementarias relacionadas co deporte e adaptadas á contorna como é a práctica de surf e piragüismo, pero tamén coa cultura, como visitas ao Museo do Mar ou a visualización de diferentes pezas audiovisuais no auditorio da Casa da Cultura.
O rexedor de Cervo, Alfonso Villares quixo felicitar a toda a familia do CD San Ciprián polo seu grao de implicación para promover o deporte, neste caso o baloncesto, no noso Concello, e puxo en valor o seu traballo destacando “o tremendo esforzo e horas de dedicación investidas para poder poñer en marcha un Campus destas características”.
Pola nosa banda –engadiu- “contan con todo o noso apoio e poñemos á súa disposición todas as instalacións municipais necesarias para que tanto os xogadores e xogadoras participantes, como os adestradores que nos visiten, poidan vivir unha experiencia inesquecible, co fin de que todos leven consigo un bo recordo da súa estancia no noso concello”.
Os participantes terán como campamento base as aulas do CEIP Cervo nº1, en San Ciprián, que estará acondicionado para a ocasión con literas e todo o equipamento necesario, e terán servizo de cociña no propio centro; ademais de poder utilizar o patio de xogos que conta con cancha de baloncesto e porterías; e unha zona verde de esparcimento en plena natureza dentro do recinto pechado. Este colexio conta, así mesmo, cun pavillón deportivo que foi reformado en 2009.
O escenario dos adestramentos será o Pavillón da Veiga, onde os rapaces e rapazas recibirán as nocións da man dos tres xogadores estrela, e tamén de diferentes adestradores profesionais que levarán con eles o peso das sesións, sempre tuturizadas polo Director Técnico do Campus e director deportivo de Estudiantes Lugo, Cristino Menor.
Os asistentes, ademais de practicar baloncesto, poderán desfrutar da contorna do Concello; e empregar as instalacións da Piscina Olímpica Municipal, única destas características na provincia de Lugo.
Os prezos por xogador ascenden a 220 euros en media pensión e 330 euros en pensión completa.
A organización puxo en funcionamento a web http://campusbasketsanciprian.com/ onde dan cumprida conta de todo canto rodea ao Campus e poñen a disposición dos interesados o teléfono de contacto 633.16.17.41 e o correo info@campusbasketsanciprian.com para máis información.
Pola súa banda, o edil de Deportes, José Ramón Soto quixo tamén agradecer a todos as entidades que colaboran e patrocinan o evento como son 325 Sportwear, que vestirá a todo o staff técnico e obsequiará con equipación e camisetas aos participantes, ao CB Breogán, a Distribuciones Carreiras, ao Supermecado Familia, e a Fontecelta, pola súa implicación no evento.