As áreas de Mocidade e Educación do Concello de Burela impulsan uns Obradoiros de Regueifa nos centros educativos do municipio, dirixidos tanto a alumnado de primaria como de secundaria.
A actividade xa tivo lugar no IES Monte Castelo e no CEIP Virxe do Carme, onde se repetirá os días 21 de marzo e 11 de abril respectivamente. Tamén se achegará a iniciativa ó IES Perdouro e ó CEIP Vista Alegre.
Os rapaces e as rapazas xa estiveron traballando nesta forma de expresión e improvisación cos seus mestres, para logo aprender en profundidade con Cristian Gómez da Asociación Erre que Erre.
“É unha actividade que cremos moi positiva para a mocidade, posto que os rapaces aprenden sobre a nosa cultura, practican o noso idioma, melloran o seu léxico, desenvolven a creatividade, a improvisación, a inventiva e a expresión oral", sinala o concelleiro Mario Pillado.
"Todo isto, mentres coñecen unha forma de expresión típica do país, mantendo viva a nosa cultura, que polo momento está a ter moi boa acollida nos centros, ós que agradecemos a súa total e enteira disposición a colaborar sempre”, engade.