Desde a organización explican que "tras un consenso dos comisionistas decídese cancelar as Festas do San Xoán de Covas, ten en conta a grave crise sanitaria e socio-económica que estamos a vivir. Para garantir unhas festas nunhas condicións axeitadas, vemos oportuno aprazalas cunha nova reorganización, nun principio para a fin de semana do 12 de setembro, na honra á nosa Señora dos Remedios, sempre e cando as condicións socio-sanitarias para daquela nolo permitan".
Covas aprazará deste xeito as festas patronais que debían comezar na cuarta semana de xuño ao mes de setembro. Esta decisión debateuse cos principais responsables nunha reunión por vídeo conferencia.
A organización agarda que “nos próximos meses a situación cambie e en setembro nos poidamos reunir para festexar San Xoán e Nosa Señora dos Remedios. Estamos seguros que coas actuais circunstancias non serían as mellores datas para disfrutar. O compromiso da parroquia de Covas co mundo da verbena e a cohesión social non desaparece. Unha vez se logre recuperar a normalidade cremos no incremento notable dos eventos celebrados anualmente, tan necesarios tras estas semanas de incertidume e malas noticias que estamos vivindo”.