A Confraría de Pescadores de Burela, co gaio da celebración do seu centenario, inaugurou este pasado martes, 8 de outubro, dúas exposicións fotográficas permanentes: o porto de Burela en clave feminina e cadros de honra dos patróns maiores.
“A través destas exposicións de carácter permanente póñense en valor os traballos desenvoltos por mulleres no mundo do mar: mariñeiras, peixeiras, conserveiras, redeiras, estibadoras, etcétera e faise un percorrido histórico a través dos distintos Patróns Maiores que foron representantes da entidade ao longo dos seus 100 anos de vida. Queremos dar visibilidade a todos estes oficios marítimo pesqueiros e que sirvan de referencia para dar continuidade aos traballos que ofrece o sector mariño, de forma que as novas xeracións vexan no mar unha oportunidade para desenvolver a súa profesión, axudando así a facer fronte á problemática do relevo xeracional”, explica a Confraría de Pescadores de Burela.
Esta actividade está enmarcada dentro do proxecto Actividades Centenario Confraría de Pescadores de Burela, que conta cunha axuda da Consellería do Mar e que foi tramitado no GALP A Mariña-Ortegal na convocatoria 2024.
O proxecto Actividades Centenario Confraría de Pescadores de Burela pretende divulgar a cultura mariñeira, poñer en valor os traballos do mar desenvoltos por mulleres, a integración social, o relevo xeracional e potenciar a labor social da confraría nos seus 100 anos de historia, entre outros obxectivos.