O Concello de Mondoñedo impulsa unha nova iniciativa, no marco dun traballo conxunto coa ACIAM,coa que buscan reforzar a difusión da información turística a través da hostalería. En concreto, o Goberno de ElenaCandia e a asociación editaron manteis individuais coa información e os aspectos máis representativos da cidade.
A rexedora entregou esta mañá os cubremesas de papel aos representantes da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Mondoñedo (ACIAM) para o seu posterior reparto entre os negocios de hostalería do municipio.En concreto, fixo a recollida o seu presidente, Ángel JoséMarful.
Elena Candia explica que “a edición destes manteis é un pulo máis que permite ofrecer unha mellor información sobre os nosos recursos aos visitantes e turistas, para que podan coñecer con maior exactitude o enorme potencial que ten a nosa cidade”. A rexedora lembrou que “estamos a ordenar a información nos medios dixitais, así vimos mesmo de presentar unha aplicación para móbiles, pero consideramos que iniciativas como a dos manteis tamén axudan de maneira destacable a que os turistas coñezan os nosos recunchos”.
O deseño dos manteis individuais que se repartirán entre a hostalería mindoniense forma partedunha iniciativa incluída dentro do proxecto "Mondoñedo, mil historias que vivir"; a través do que o Concello e ACIAM presentan os produtos turísticos da localidade relacionados tanto coa historia e o patrimonio, a arte e a literatura, a gastronomía, a artesanía, a natureza e o Camiño Norte.
Deseño dos manteis
O deseño dos manteis inclúe os aspectos máis representativos no eido turístico da localidade. Así, por un dos lado os manteis teñen impreso un mapa da localidade cos puntos máis visitados e coa información turística máis relevante, indicando de xeito pormenorizado os lugares de interese como son os monumentos ou os sitios ligados a escritores, músicos e mesmo á artesanía. Ademais tamén inclúen información sobre os servizos que ofrece a localidade e onde comer e durmir.
Na outra cara do mantel, conta cun especial protagonismo unha ampla reportaxe fotográfica a través da que se pon en valor os aspectos cun maior potencial turístico. En imaxes, resúmese a importancia turística do municipio; tendo unha importancia destacada o Camiño Norte e a Catedral, declarados Patrimonio da Humanidade no 2015 e tamén a Cova do Rei Cintolo, un dos principais reclamos turísticos de Mondoñedo. As festas (As San Lucas, As Quendas, O Mercado Medieval, Os Remedios e a Rapa das Bestas) tamén contan co seu espazo no deseño dos manteis.