O Concello de Burela, conxuntamente co Centro de Saúde, organizará unha pausa activa todos os días de luns a venres. Terá lugar de 12:00 a 12:05 na praza do Concello.
Esta iniciativa busca contribuír a reducir o sedentarismo derivado particularmente de traballos que requiren permanecer máis de dúas horas seguidas sentado.
“Queremos que a saúde sexa o centro de todas as políticas do Concello, e por iso impulsamos esta actividade, para seguir garantindo que as eleccións máis saudables sexan tamén as máis fáciles”, sinala Carmela López, alcaldesa de Burela.
"Convidamos a toda a veciñanza a participar desta iniciativa, que só require un instante e pode marcar a diferencia na saúde de moitas persoas”, afirma a rexedora.
A pausa activa dase no marco da colaboración entre o Plan de Saúde Local do Centro de Saúde de Burela e a Estratexia de Promoción da Saúde do Concello de Burela.