A Concellería de Turismo está a enviar cartas aos hostaleiros e hostaleiras locais para invitalos a que o vindeiro luns, 14 de maio, realicen a ruta xeolóxica do Perdouro. O obxectivo, segundo Ramiro Fernández Rey, é implicar ao sector na promoción turística de Burela.
O concelleiro burelés anunciou que “desde a Concellería de Turismo de Burela vimos de poñer en marcha unha iniciativa para involucrar un pouco máis ao sector hostaleiro nas rutas xeolóxicas”.
Ramiro Fernández explicou que “imos facer unha ruta xeolóxica única e exclusivamente invitando aos hostaleiros do pobo. Parécenos importantísimo que os primeiros en ensinar e en explicar as rutas xeolóxicas sexan os propios hostaleiros, e por iso o día 14 imos facer unha ruta unicamente para eles. A saída vai ser ás dez da mañá da Oficina de Turismo e faremos a ruta do Perdouro”.
O edil de Turismo agarda que “estas iniciativas teñan moi boa acollida entre o sector, porque para nós é importante que os propios hostaleiros que son os que reciben á xente e tratan con eles no día a día, saiban vender os produtos que temos aquí e mostrarlle o que son as nosas riquezas”.
Fernández Rey engadiu que “no día de onte empezamos a repartir as cartas. Temos dous axudantes de prácticas que están con nós dun curso de turismo que fixemos no centro de formación ocupacional, que se están encargando de ir por cada local a repartir e explicar un pouco en qué se basea esta iniciativa”.
O concelleiro socialista engadiu que “nos parece importante e oxalá teña unha boa acollida entre o sector hostaleiro, e poidamos entre todos os sectores afectados, axudar a que Burela medre turísticamente”.
Ramiro Fernández adiantou que “a finais deste mes temos xa programadas as primeiras visitas ás rutas xeolóxicas. Este ano imos ter unha novidade que imos ampliar e imos facer unha ruta xeolóxica máis, que vai ser polo Cantiño. Faremos unha presentación das datas e durante todo o verán imos ter aquí as rutas xeolóxicas en Burela, coa colaboración de Fran Canosa, que é quen nos está axudando a levar este proxecto adiante”.