A Concellaría de Igualdade organiza tres charlas durante os meses de abril e de maio nas que se abordarán cuestións como a sexualidade da muller nas diferentes idades, o impacto emocional da diagnose oncolóxica e a sexualidade e o cancro.
Desde a Concellaría de Igualdade sinalan que “co inicio da primavera comezan as gañas de parolar, debater, informarnos e por iso desde a Concellaría de Igualdade temos previstas unhas serie de charlas abertas ao público en xeral e centradas en diversas problemáticas que teñen que ver coa saúde das mulleres”.
E explican que “o vindeiro 26 de abril teremos con nós a sexóloga Martina González Veiga que impartirá unha charla-obradoiro sobre a Sexualidade da muller nas diferentes idades. O que aprendemos sobre sexualidade lévanos a entendela dende un modelo reprodutivo, no que hai uns pasos que seguir que culminan co coito e o orgasmo. Esta concepción entendida como a única forma, ou o xeito máis gozoso de ter sexo lévanos a crenzas erróneas sobre a sexualidade das persoas adultas maiores, coma a de que todas son heterosexuais, con parella estable e coas mesmas prácticas, ou que as persoas maiores non teñen relacións sexuais a partires dunha idade. Mitos coma que as mulleres coa idade teñen menos desexo, e o medo e a vergoña a falar desde tema, dificultan a vivencia positiva e satisfactoria. Como o coñecemento é poder, esta actividade pretende achegar recursos para desaprender o que nos contaron que nos tiña que pasar e gustar, e aprender a pensar no que nos gusta e nos vai ven. Esta charla será o 26 de abril ás 20.00 horas no Teatro”.
Desde a Concellaría de Igualdade engaden que “no mes de maio, comezaremos o día 7 ás 18:00 horas tamén no Teatro coa psicóloga da Asociación Española contra o Cancro de Lugo, Carmen Rubiños, que nos falará do Impacto emocional da diagnose oncolóxica, como xestionala a propia persoa, e xs familiares. Tamén se informará do novo servizo de atención psicolóxica gratuíta a pacientes oncolóxicos e os seus familiares na Mariña lucense, situado en concreto en Burela que ven de poñer en marcha a AECC. E remataremos o mes de maio, de novo coa tamén psicóloga, pero especializada en sexoloxía, Martina González Veiga na que tratará o tema de Sexualidade e Cancro, claves para unha xestión positiva. Esta charla terá lugar o 31 de maio ás 20.00 horas no Teatro. Este obradoiro pretende plantar a semente do amor cara unha mesma e do autocuidado, como punto de partida para xestionar a nosa sexualidade do xeito que queiramos e nos veña ben, dende o poder que nos da o coñecemento. Crearase un espazo seguro de aprendizaxe, diversión e goce no que se adquirirán ferramentas para vivir mellor e facer fronte as dificultades sexuais”.
As charlas, subliñan desde Igualdade, son abertas a toda a cidadanía.