A compañía de teatro Excéntricas presenta a obra titulada “O auto do Castromil” este venres, día 22 de novembro. Será na Casa da Cultura ás 21:00 horas con entrada libre.
O Concello de Burela anuncia que “con este proxecto Excéntricas gaña o III concurso que convoca a fundación Manuel María e que recibe o apoio de máis de corenta concellos e institucións de Galicia. O espectáculo é protagonizado por un luxoso elenco: Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez, que xa teñen conformado compañía en anteriores proxectos de Excéntricas. A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galicia, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego. Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos máis armas que o humor e o espírito entroidesco”.