Cine Ribadeo proxectará a película Red de Libertad o vindeiro xoves, día 10 de maio, por iniciativa do colexio ribadense Sagrado Corazón.
O centro anunciou hoxe que “con motivo da celebración de Santa Luisa de Marillac, cofundadora das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl, o colexio Sagrado Corazón promove a proxección da película Red de Libertad (2017). Nela a actriz Asumpta Serna encarna a figura de Helena Studler, filla da caridade que na Francia da segunda guerra mundial creou unha rede que empezou asistindo ós prisioneiros dos campos alemáns e que axudou a fuxir ata a 2.000 persoas das mans dos nazis. A película fai visible o carisma vicenciano: estar presente cos que sofren”.
O colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo, explica tamén que “o alumnado de ESO asistirá á proxección. Dende o centro convidamos ó publico a asistir a calquera das sesións programadas para o día 10 de maio, ás 11:30 e ás 20:00 horas, no Cine Ribadeo. O prezo das entradas é de 4 euros para a primeira proxección e de 5 euros para a segunda”.