O grupo de teatro Chévere presenta a obra Curva España este sábado, 20 de marzo, no Auditorio Municipal Hernán Naval, de Ribadeo. A representación dará comezo ás 19:30 horas. O prezo da entrada xeral é de 5 euros e 3 para persoas desempregadas, estudantes e xubilados. A venda de entradas será, desde media hora antes do inicio da función, no despacho de billetes.
Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes, sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artéllase unha peza que ironiza sobre o formato documental, combinando teatro e cine en directo. Bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada España apenas chegou en forma de mito e o mito fala da súa morte nunha curva.
Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral. Este proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario. Como outras veces, parte dunha historia moi local, que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense), durante os últimos cen anos.
A obra, dirixida por Xron, está protagonizada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez e Leti Blanco.
Por causa do protocolo anticovid, o número de butacas dispoñibles é un terzo do habitual.