O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza para o mes de xuño a actividade Mulleres no Mundo. Dereitos sexuais e reprodutivos. Trátase da proxección de tres documentais que achegan á cidadanía mariñá a realidade vital de mulleres moi diversas e interpélannos a participar activamente nun debate que transcende fronteiras, crenzas e clases sociais nun momento no que os dereitos das mulleres vense ameazados en diversas partes do mundo. Despois dunha breve presentación e contextualización do documental procederemos á súa visualización. A continuación, realizarase un coloquio e reflexión sobre diferentes aspectos abordados en cada documental.
Comeza o día 11 de xuño co documental “Que sea ley” (2019). Móstranos as protestas convocadas por Marea Verde, movemento que impulsou a milleiros de mulleres a saír ás rúas e esixir a despenalización do aborto en Arxentina. O documental puntualiza o vínculo ineludible entre o político e o persoal. Foi premiado no 67º Festival de Cine de San Sebastián.
O día 18 é a quenda para “En deuda con todas”. No ano 2018 a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e a Asemblea de Cooperación pola Paz realizaron este documental no que nos expoñen as vivencias das mulleres a ambos lados do cárcere así como de diferentes activistas salvadoreñas implicadas na despenalización do aborto no país centroamericano. As organizadas contarán coa presenza de compañeiras da asemblea de cooperación pola paz.
O ciclo rematará o día 25 con “Womanhood”, unha viaxe emocional na que Beryl Magoko, a directora deste documental, comparte as súas sensacións máis íntimas, profundas e silenciadas con outras mulleres vítimas da Mutilación Xenital feminina.
Todas as proxeccións terán lugar na Casa de Cultura en Foz ás 20:30 horas. Colaboran Radio Foz e Delegación de Cultura (Concello de Foz).